Os empresarios do Polígono de Carballo inician as obras dos novos aparcadoiros do recinto industrial

02 de marzo de 2017


Os empresarios do Polígono de Carballo inician as obras dos novos aparcadoiros do recinto industrial O recinto industrial contará ademais cun novo espazo de estacionamento para vehículos pesados grazas á subvención da Deputación da Coruña.

Un convenio entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Goberno local e a entidade empresarial permitirá o traslado da sede da Asociación ao edificio do CEPEC.
 
Carballo, 1 de marzo de 2017.- A Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo comezará en breve as obras de acondicionamento das tres fincas cedidas á comunidade por parte de cadanseus propietarios para a posta en marcha de tres novos aparcadoiros para turismos. Esta actuación é froito do aumento da demanda e instalación de novas empresas no recinto industrial de Bértoa, síntoma da puxanza do polígono carballés como gran polo industrial, foco de emprego e actividade económica da Costa da Morte.

Así o anunciaron o presidente e o secretario da comunidade de propietarios do polígono, Antonio Gómez e Juan Fernández, respectivamente, na rolda de prensa que ofreceron esta mañá xunto ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, para presentar o convenio asinado coa Deputación que fará posible o acondicionamento da zona verde e dos aparcadoiros no recinto industrial. “O noso obxectivo é poder dar unha solución á xente que aparca diante das empresas e das naves”, apuntou Fernández, que agradeceu ao Concello “a importante dotación económica” destinada á mellora do polígono.

Ademais dos espazos de estacionamento para turismos, a propia Asociación de Empresarios anunciou este mediodía na Casa do Concello a próxima construción dun novo aparcadoiro para vehículos pesados grazas á subvención concedida pola Deputación da Coruña para adecuar a actual zona de coches teledirixidos no polígono, emprazada nunha parcela municipal. Deste xeito, darase resposta á crecente demanda de prazas para camións, que na actualidade tan só contan cunha ducia de prazas de aparcamento.

Nova sede no edificio do CEPEC

Froito das conversas mantidas entre a Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo, o alcalde Evencio Ferrero e o parlamentario autonómico Aurelio Núñez, a Xunta de Galicia vén de aceptar a invitación do Concello para o traslado das oficinas de Inspección de Sanidade Animal ás instalacións do Fórum. Unha decisión que desbloquea así a firma do convenio entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Goberno local e os empresarios polo que poderá trasladarse a sede da comunidade de propietarios para o edificio do CEPEC, en pleno acceso ao parque empresarial.

Desta forma, unha vez realizadas as reformas necesarias, a Asociación contará cunhas instalacións moito máis axeitadas para a actividade do colectivo, contando cunha infraestrutura máis ampla, accesible e visible, que garanta un mellor servizo a todas as compañías e emprendedores da zona.
 
volver
 

Diseño web: e-pulse